domingo, 14 de abril de 2013

Conferencia do escritor Mario Regueira e da escritora Lorena Souto en Cáceres

Cartaz da conferencia


O Centro de Estudos Galegos de Cáceres e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), organizan en parcería unha actividade cultural que terá lugar na Facultade de Filosofía e Letras de Cáceres e na que participarán o escritor Mario Regueira e a escritora Lorena Souto. 

Marcada para o próximo xoves día 18 de abril, a conferencia terá lugar na hora e espazo que veñen sendo habituais no presente curso, isto é, aula 3 da Facultade de Filosofía e Letras de Cáceres entre as 10h00 e as 12h00. 

Deixamos, a seguir, o resumo das intervencións ofrecido polos autores: 

Mario Regueira

Mario Regueira – Literatura galega, unha literatura política

Con esta intervención pretendemos achegarnos á historia da literatura galega e á forma na que o seu desenvolvemento estivo relacionado con tomas de posición que atinxían frecuentemente a resistencia política ou á proposta de modelos de Estado diverxentes. Dende o punto de partida da lírica medieval, na que a expresión literaria galega parte dunha situación de prestixio internacional, explicaremos os trazos xerais de historia da Galiza, da súa lingua e da súa expresión literaria, facendo fincapé especial nos seguintes puntos:


  • O Rexurdimento como movemento literario-cultural que prefigura a evolución do Provincialismo ao Rexionalismo, e anticipa elementos do futuro movemento nacionalista. 
  • O discurso socio-político da Xeración Nós e o seu traballo na creación dun acervo propio. A importancia das relacións literarias internacionais nos anos vinte e trinta.
  •  A Guerra Civil española e o seu impacto no campo literario galego: represión e exilio.
  • A reconstrución do tecido cultural galego entre os anos 50 e 60. Os autores galegos entre o proxecto de Galaxia e a influencia das correntes literarias internacionais.
  • A transición política: consolidación do panorama editorial e proxectos empresariais. Autonomía e compromiso político dos autores en lingua galega.
  •  A contemporaneidade. A literatura galega fronte aos discursos relacionados coa guerra civil e en relación á represión política contemporánea.



Lorena Souto
Lorena Souto – Resistir hoxe: Novos panoramas na poesía galega actual

O noso traballo como escritoras e escritores enmárcase nun campo cheo de puntos e traxectorias que nos atravesan e forman parte da nosa propia escrita de maneira ineludíbel.
Nesta charla preténdese facer un percorrido por diferentes autores e tendencias da poesía galega que amose o panorama rico e múltiple que existe na nosa escrita de hoxe, e que non renuncia ao diálogo coas súas raíces literarias.
Desde un enfoque lúdico que partirá dos textos con recitado e apoio en imaxes e vídeos mapearemos algúns dos elementos e proxectos abordados desde unha mirada resistente. Estes influíron de maneira determinante na escrita propia e funcionan como puntos de encontro no traballo de compañeiras e compañeiros. Como guía apoiarémonos nos seguintes eixos:

  • - Discurso resistente desde a perspectiva de lingua e pobo:
    • Enfoques actuais dun posicionamento necesario
    • Diálogos, relacións e contrastes cunha tradición longa de reivindicación identitaria
  • - (de)construción crítica do xénero e da sexualidade:
    • Novos modelos do eu e o traballo consciente de reconstrución
    • A necesidade de volver aos mitos e á(s) historia(s) que nos contaron
    • De obxecto a suxeito da mirada erótica e a ruptura coa heteronormatividade 
  • Contracanonizando:
    • Reapropiarse das figuras canónicas (olladas novas sobre Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Celso Emilio...)
    • @s nos@s son canon (Lois Pereiro)
  • - Retroalimentación e puntos de encontro entre coetáne@s 


No hay comentarios:

Publicar un comentario